jueves, 10 de enero de 2013

IlMaquinario cos alumnos do IESP O Couto


A campaña "Novo teatro, novos espectadores" de Ourense chegou ao seu fin, logo de estar durante dúas semanas percorrendo os institutos da cidade debatendo cos rapaces e rapazas sobre o noso Home Almofada. Nestes días puidemos comprobar de que xeito esta peza move á reflexión e suscita interesantísimas discusións éticas sobre diversos temas de plena actualidade, como son a violencia que nos rodea e que podemos percibir a través dos medios de comunicación, ou os perigos dunha educación baseada na consecución dunha excelencia forzosa.  Moitísimas grazas dende aquí a todos aqueles que fixeron esta experiencia posible, e sobre todo, aos rapaces e rapazas dos institutos asistentes, que coa súa atención e os seus atinados comentarios nos debates nos alentaron a seguir crendo que o teatro é unha arte que pode aportar o seu grao de area para transformar o mundo nun lugar mellor.


Alumnos do IESP O Couto 

martes, 8 de enero de 2013

O Conto da cidade sobre o río

"Había unha vez, nunha cidade de pequenas rúas lastradas nas marxes dun río, un rapazolo que non se levaba ben cos outros rapaces da cidade; estes tomárana con el e colléranlle teima porque era pobre. Este rapazolo, sen embargo, tiña unha disposición alegre e soñadora, sabía que tiña un bo corazón cheo de amor e que algún día alguén nalgures vería o amor dentro del e daríalle a súa recompensa. E así, unha noite, mentres estaba sentado ao pé da ponte de madeira que cruzaba o río, escoitou un carro de cabalos que se aproximaba pola rúa, e cando estivo cerca viu que o cocheiro levaba unha roupa moi escura, e que unha capucha negra mantiña medio oculta a súa cara afiada. Deixando o medo a un lado, o rapaz colleu o escaso bocadillo que tiña por cea e ofreceullo ao cocheiro encapuchado. O carro parou, o cocheiro asentiu coa cabeza, baixou e sentou un tempo co rapaz, compartindo o seu bocadillo e falando desto e daquilo. O cocheiro preguntoulle porque estaba só, e mentres o rapaz lle falaba ao cocheiro da súa vida pobre e dura, tamén puido ver a parte traseira do carro; había un monte moi grande de pequenas gaiolas para animais, e xusto cando o rapaz lle ía preguntar polo tipo de animais que estiveran dentro delas, o cocheiro púxose de pé e díxolle que era hora de seguir o seu camiño. “Mais antes de que me vaia”, murmurou o cocheiro, “dado que fuches tan amable, gustaríame agora ofrecerche algo, algo cun valor que quizais hoxe non alcances a entender, pero un día, cando sexas un pouco maior, creo que valorarás de verdade e polo que me has de estar agradecido. Agora cerra os teus ollos”. E así foi que o rapazolo fixo o que lle pediran e pechou os seus ollos, e dun peto interior e oculto na súa roupa, o cocheiro sacou un coitelo de carniceiro, elevouno ben alto e deixouno caer de golpe no pé dereito do rapaz, rabenándolle dun golpe as cinco dedas do pé. E mentres o rapazolo permanecía sentado calado e atordado, cos ollos mirado ao lonxe e a nada concreto, o cocheiro recolleu as súas dedas sanguentas e tiroullas ás ratas que comezaban a xuntarse nas cunetas, volveu ao seu carro, e lentamente cruzou a ponte, deixando lonxe por detrás del ao rapaz, as ratas, o río e a cidade escurecida de Hamelin."

(o único conto publicado de Katurian K. Katurian, Revista Liberdade)

lunes, 7 de enero de 2013

Bocetos de vestiario de O Home Almofada

Para comezar este ano 2013 que agardamos esté cheo de proxectos que desafíen esta realidade tan dura que se nos presenta, seguimos ensinando as tripas do Home Almofada. Desta vez tócalle o turno ao vestiario, realizado pola figurinista canaria Yaiza Pinillos, que logrou materializar a psicoloxía destes catro personaxes nuns deseños que impulsaron totalmente o discurso da peza. Un pracer traballar con ela!
Tupolski (Fran Lareu)

Ariel (Fernando González)

Katurian (Melania Cruz)

Michal (Laura Míguez)